CURUXAS NA REBOLA. Creamos na nosa lingua.
  • Blog
  • About

AGORA SOÑO COMO OS ANCARES FORON UNHA ILLA    Narración de Antía Álvarez García premiada na Escola de Prensa do Progreso 2018

6/24/2018

0 Comments

 
Picture
​                                          AGORA SOÑO COMO OS ANCARES FORON UNHA ILLA
                                                                  Antía Álvarez García

Era unha noite coma outra calquera, unha desas noites de outono nas que despois de cear apetece quedarse preto do lume a ler un anaco antes de ir a cama. Logo de avanzar 8 páxinas no libro e despedirme dos meus pais decidín deitarme, xa que fora un día longo e esgotador.
Sempre soñaba con percorrer o mundo e non deixar nin un só país onde non puxera os pés, visitar todos os monumentos posibles aprendendo algo novo en cada cidade para contar ó chegar a casa. Esa noite foi distinto. Soñaba que se levantaba un forte vento que movía as nosas casas e os meus queridos montes do seu lugar e os trasladaba a un lugar completamente distinto, a un lugar onde
as árbores e as grandes plantas non tiñan espazo porque só había auga e area. A xente voaba sorprendida xunto coas casas. Era como levantar un cromo da súa casiña no álbum e trasladalo a outra casiña totalmente diferente. Sen estragalo e sen rompelo, todo xunto polo aire.
Cando espertei dinme conta de que non estaba soñando, estabamos a trasladarnos a un lugar rodeado de auga e deixando atrás os nosos montes e o noso verde. Non daba crédito, nin eu nin ninguén, do que estaba pasando. Sen levantarme da cama movíame no espazo. Lembro ós meus pais como berraban dicindo “non lles chega con quitarnos recursos e con discriminarnos que por enriba temos que movernos da nosa aldea”. Moitas veces oín que a pouca xente a ilusiona a idea de vivir nas aldeas ou nunha comarca como é a dos Ancares e que cada vez quedamos menos persoas habitando estes sitios porque a falta de emprego e de establecementos provoca que nos mudemos as cidades. Moita xente prefire vivir alí onde o único que hai é unha contaminación coa que case me choran os ollos e onde non hai nin un só produto natural co que alimentarse. Pero non son quen de entender porque nos tivemos que mover polo aire a un lugar rodeado de auga onde penso que nós, xa que o meu pai vivía da agricultura, non vai ter os recursos suficientes para sobrevivir. Igual queren a nosa aldea para facer unha mina de carbón e sacar pedras ou os montes para plantar eucaliptos e construír edificios máis interesantes cás nosas vivendas.
Tras ese cambio tremendo que nos desorientou totalmente e unha vez asentados nun lugar completamente diferente e cunha natureza e un ecosistema que nin por asomo se parecían ó que nos habitamos durante toda a nosa vida, pensamos que era necesario saber que íamos facer agora aquí. Meu pai dixo que trataría de buscar algún traballo como guía turístico ou algo semellante para prestar axuda ás persoas que visitan a illa por motivos de traballo ou coa idea de coñecer as especies de plantas e animais que habitan este lugar.
Nunca fun de contos de princesas ou súper heroes. Antes de durmir miña nai cóntame moitas historias de lugares e de como se vive neles. Lembro ter escoitado que as illas son uns lugares dos que ninguén se acorda máis que para visitar co obxectivo de facer fotografías ou explorar. Non hai escolas nin hospitais. A mamá non está contenta porque precisa acudir a eles cada pouco tempo para que esa enfermidade que ten non acabe coa súa vida. Descoñezo de que enfermidade se trata, xa que supostamente é o mellor para min e todo vai estar ben. Iso me di meu pai todos os días.
Fago un grande esforzo para adaptarme a unha vida rodeada de auga e todo o relacionado con ela, onde só vexo un horizonte azul, botándolle moita imaxinación e onde o único que escoito é o ruído do mar, máis forte cando o vento provoca que as ondas cheguen case ata a fiestra do meu cuarto onde eu paso os días pensando en que pasar o tempo.
Unha das cousas que me preocupa agora mesmo neste novo lugar é facer amigos. Boto en falta os meus de verdade, incluso os da cidade que me preguntaban seguido como me podía gustar tanto, como eles dicían, “el bosque”. Eu sempre utilicei a palabra monte, non porque soe mellor e sexa máis bonita, se non porque define perfectamente ese conxunto de árbores e animais dos que eu vivía namorada e non me cansaba de visitar.
Sempre recordo a frase que miña avoa me dicía practicamente todos os días, “todo é acostumarse” pero eu non acabo de encaixar aquí. Estaba acostumada a ir a escola, coidar a miña nai e axudarlle a meu pai coas súas tarefas. O único que podo facer aquí é ler libros e máis libros, os que por sorte voaron comigo. O cambio non influíu moito na miña nai, xa que a pobre ten que estar todo o día dentro da casa ou na cama, por causa desa enfermidade que non acabo de coñecer.
Igual que antes soñaba con recorrer o mundo e vivir novas experiencias, agora soño con volver a miña comarca. Gustaríame volver a ver as árbores que me viron medrar e os animaliños que escoitaba cantar ao pasear despois de facer as tarefas da escola.
No momento no que espertei esa noite e vin que o que soñaba era realidade, sabía que a idea de abandonar o lugar onde nacín non me ía ilusionar en absoluto todo o contrario.
Non é que non me guste a auga, pero gustábame máis a das fontes e a dos regatos que saían da nada no medio dos prados ou dos camiños. Tampouco me desgusta o clima que temos aquí, pero sigo a preferir as xeadas pola mañá cedo e ese aire suave do escurecer. 
Gústame sentir silencio, paz e tranquilidade pero por nada cambio o son do cuco ou da curuxa polas noites. Boto en falta os montes que tanta vida me daban e onde tan a gusto me sentía. Máis que unha natureza incomparable que me facía sentir libre, para min era un lugar onde os soños se podían facer realidade e onde estaba a salvo de calquera perigo por moito que me gustase a idea de viaxar. Eses montes e esa comarca eran o meu fogar e sempre quererei volver a eles.

0 Comments

RELATOS CONCURSO LITERARIO 2018

6/24/2018

0 Comments

 
Picture
                                                              O RANCHIÑO ESCURRIDIZO
                                               
  de Arturo Díaz Becerrea e Ainhoa Fernández Castro
Lulu, era un pequeno ranchiño, que vivía na granxa onde veu ao mundo. Moitos dos animais que vivían alí, falábanlle doutros lugares, lugares moi fermosos nos que as granxas eran grandes, a comida abundante e variada e había outras moitas cousas marabillosas. Lulu, aínda que estaba contento alí, sempre sentiu como se algo o chamase fóra daquel lugar. O dono da granxa, Xamón, non os coidaba todo o ben que era de esperar xa que a maioría do tempo pasábao arranxando e poñendo a punto o seu Jhon Deere, un tractor de cor verde e amarelo co que traballaba as súas terras. Para el era o máis importante da granxa, todo xiraba entorno o John Deere: lavábao, encerábao, engrosábao... sempre a punto para que non tivera ningún fallo.
Xamón era vexetariano pese ao seu nome, só comía froitas e verdura que el mesmo cultivaba nas súas terras coa axuda do seu querido tractor. Non era como os outros vexetarianos que non comen nada de carne por non matar os animais, senón que sentía repulsión cara estes alimentos tamén polos animais dos que procede.
Contaba a súa nai que dende pequeno cuspía o xamón cocido que foi o primeiro contacto que tivo coa carne. Morder, ulir, ou só tocar un pequeno anaco, facíalle vomitar e marearse, isto non quería dicir que fora un mal granxeiro, nin moito menos, o problema era esa repulsión que seria a que sentía cara á carne e Lulu e os demais notábano pero tiñan medo ao descoñecido, non entendían a falta de coidados do granxeiro e como se esmeraba e deixaba tanto tempo ao seu Jhon Deere.
Así pasaban os días, e mesmo os seus veciños non entendían o que Xamón facía e como descoidaba aos seus animais. Lulu que sempre nos seus pensamentos soñaba cunha vida mellor e con descubrir novos lugares, comezou a pensar como podían escapar de alí: o mellor momento era durante a noite cando todo está tranquilo e o tractor gardado no garaxe e non aparcado na porta de saída para impedir que fuxiran. Só tiña que esperar un despiste do granxeiro coa fechadura.
Pasaron uns días e por coidar o seu tractor, non se recordou de pechar a porta da granxa. Lulu esperou a que non houbera ningunha luz acesa. E esquecendo os seus medos saíu correndo do lugar onde non se sentía coidado nin querido, pensando en vivir novas e mellores aventuras.
                                                                     A DESEXADA LIBERDADE
                                                                        Marco Pérez Fernández
Érase unha vez, nunha afastada e pouco habitada aldea, vivía un vexetariano amargado, solitario e egoísta que
case non se relacionaba con ninguén. A pouca relación que tiña era co seu tractor, un John Deere ancián cansado de ser utilizado e maltratado case diariamente polo seu dono, o vexetariano malvado, ou así era como o chamaban na aldea, pola mala fama que tiña.
O vexetariano vivía nunha casa pouco coidada, xa que o único que lle interesaba era dispoñer dunha gran horta na que plantar todo tipo de froitas e verduras para alimentarse. O vexetariano malvado detestaba todo tipo de animais porque pensaba que eran tóxicos e transmitían enfermidades. Todos os días, o vexetariano dedicábase a traballar na horta e escravizar o seu John Deere para que el tamén traballase. Empregábao todos e todos os días a pesar do esgotamento e enfermidade que tiña o pobre tractor, que se queixaba día tras día ao seu dono pero nunca obtiña resposta, só burlas e humillacións. O John Deere soñaba coa súa liberdade e con que alguén lle dera o seu merecido ao vexetariano malvado.O John Deere o único salvamento que tiña eran as conversas co seu mellor amigo, o porquiño aventureiro, con quen botaba as poucas horas libres que tiña. O John Deere desafogábase co seu mellor amigo e contáballe todas as calamidades que lle facía pasar o seu dono malvado (nin sequera se molestaba en pasarlle a ITV, nin facerlle o mantemento, dáballe pouco combustible, non lle cambiaba as rodas, etc.)
Un día o porquiño, como era tan aventureiro, non lle gustaban as inxustizas e estaba cansado de ver ao seu mellor amigo esgotado, quixo levar a cabo a vinganza: un día pola noite, cando o malvado vexetariano estaba aínda durmindo, entroulle na horta e fozoulle todas cantas verduras alí había. Ademais disto colocoulle trampas en toda a horta, para que así caese nos buratos e non conseguise saír.
Cando por fin espertou o vexetariano, ao John Deere esperábao outro día máis de sufrimento; sobre todo despois de que o seu dono vise a horta completamente fozada e sen verduras. O malvado vexetariano, enfurecido camiñando pola horta, caeu nunha das trampas feitas polo porquiño e cando por fin conseguiu saír, maltratou aínda máis ao pobre tractor obrigándoo a arrincar todas as árbores da aldea para poder plantar el os seus alimentos.
O porquiño aventureiro, inimigo das inxustizas, decidiu continuar coa súa vinganza e acabar por fin co malvado vexetariano. Coa axuda de todos os animais da aldea, esnaquizáronlle aínda máis a horta e a casa, para que deixase dunha vez en paz ao seu mellor amigo.
Entre todos os animais conseguiron manter encerrado para sempre ao vexetariano malvado nunha casa abandonada. Así puideron todos axudarlle a escapar ao Jonh Deere, quen por fin cumpriu o seu único soño: conseguir a liberdade.
O John Deere, agora tamén aventureiro, e máis o seu amigo o porquiño aventureiro, viviron felices o resto da vida viaxando polo mundo enteiro.
0 Comments
    Paragraph. Haz clic aquí para editar.
    Imagen

    TALLER DE CREACIÓN LITERARIA DO IES DE BECERREÁ

    Creado para o alumnado do noso Instituto que queira subir á nosa REBOLA e coma a CURUXA, crear un bonito sonido nocturno escribindo o que lle guste..

    Arquivos

    June 2018
    May 2017
    May 2016
    April 2015
    February 2015
    December 2014
    October 2014

    Categorías

    All

    RSS Feed

Powered by Create your own unique website with customizable templates.